Ano 2094

O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción.

Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha. 

Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio, unha viaxe ao sensible

Inventio é un espectáculo familiar de gran formato, no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Inventio é unha viaxe sensorial, un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena futurista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, cun ritmo vertixinoso, nunha gran produción con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve.

Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía nun espectáculo que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.

Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas galegos -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na composición musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent no deseño de vestiario.

FICHA ARTÍSTICA

Idea orixinal e dirección creativa: Martín Varela

Bailaríns: Julia Méndez, Cristina Amor, Amara Pérez, Ismael Olivas, Fernando Rois e Carlos Núñez + Laura Pan (cover)

Artistas de circo principais: Stéphanie Bouchard, Rubén Martín, Deibit & Nymeria, Steven Peralta e Daniel Satizabal

Outros artistas colaboradores: Fran Boza, Javier Jiménez, Felipe Lugo, Alice Rieb, Aris Zavatta, Erin Zavatta (soamente nalgunhas funcións)

Mago: Martín Varela

Dramaturxia: José L. Prieto

Dirección artística: Suso Montero

Dirección de maxia: Fani Triana e Martín Camiña

Dirección de circo: Jorge Miquel


Composición e dirección musical: José Trincado ‘Triki”

Ballet e coreografías: Mercedes Suárez

Deseño de iluminación: Alberto Casas

Dirección de vestiario: Conchi Silvent

Xefe técnico: Pablo Falcón

Consultoría histórica: Sara Moure

Asesoría didáctica e expositiva: Clara Reigosa

Fotografía: Vanessa Rábade

Deseño gráfico e comunicación: The Office Comunicación

Inventio é un espectáculo da promotora Thinking Up Events,

co patrocinio da Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Fundación “la Caixa” coa colaboración de Sargadelos.

AVISO

Esta páxina web emprega cookies para o seu correcto funcionamento.