ilusionista

Martín Varela é un artista galego especializado en ilusionismo. Naceu en Ferrol en 1996 e dende moi novo amosou un crecente interese nas artes escénicas, fundamentalmente na maxia, pero tamén na danza e no circo. 

No ano 2007, aos 11 anos, realizou a súa primeira actuación en público, nas Alianzas Aresás (Ares, A Coruña). A partir da fervorosa acollida desa primeira actuación, continuou realizando ducias de shows en asociacións veciñais e concellos da súa contorna. 

Durante o 2010, comezou a traballar en “15 ilusións para unha noite”, un espectáculo co que percorrería Galicia realizando máis de 10 funcións en teatros e auditorios. No 2011 foi convidado polo programa Luar da Televisión de Galicia para participar durante unha tempada como colaborador. 

Nese mesmo ano fundou, xunto a outros colegas, o “Colectivo Máxico Lorc & Julit”, unha asociación de magas e magos de Ferrol creada co obxectivo de espallar a maxia por toda Ferrolterra. Entre as súas actividades destacaron a realización de varias xiras de espectáculos pola comarca, actividades formativas e colaboración en proxectos dos diferentes ilusionistas que forman parte da agrupación. 

En 2013 estreou o espectáculo “Manifesto”, un show de grandes ilusións co que realiza unha xira en Galicia ata 2014, ano no que se presenta en Magic Valongo (Ermesinde, Portugal) como artista convidado e na Gala de Maxia Robert Houdin (Praza de María Pita, A Coruña).

A súa temperá vida profesional nos escenarios combinouse entre 2014 e 2019 coa súa formación académica en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e Xestión Cultural e Industrias Creativas pola Universidade de Alcalá. 

Paralelamente, creou “Serendipia” (2016), un espectáculo de mediano formato cuxo fío conductor trata sobre o que supuxo o descubrimento da maxia para el, como auténtica ilusión vital, ademais de servir de homenaxe a dous referentes fundamentais na súa carreira máxica: Lorc & Julit e John Calvert.

Entre 2018 e a actualidade, impulsa xunto a Thinking Up Events, o Concello de Ferrol e o Colectivo Máxico Lorc & Julit o festival “Porta Máxica”, un evento que reúne a algúns dos máis destacados ilusionistas do panorama internacional na cidade de Ferrol. Xunto a Thinking Up Events, dende o 2018, crea e coordina a produción de proxectos de diferentes artes escénicas e musicais. 

Durante o 2022, crea “Inventio”, un ambicioso espectáculo de danza, circo, maxia e música creado para celebrar o Xacobeo 21-22, co que se realizan más de 30 funcións en diferentes cidades da península. 

AVISO

Esta páxina web emprega cookies para o seu correcto funcionamento.